Sunday 28 de April de 2024

A biblioteca municipal do Fórum Metropolitano únese as celebracións sobre Picasso cun ciclo temático de conferencias e obradoiros


Prepara para os meses de abril e maio tres charlas sobre o pintor e un obradoiro dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos

As actividades analizarán as circunstancias persoais, artísticas e sociais da presenza do Picasso mozo na Coruña

A biblioteca municipal do Fórum Metropolitano únese á celebración do Ano Internacional Picasso co desenvolvemento dun ciclo temático de primavera dedicado á figura do pintor, no que se inclúen charlas e obradoiros.

A biblioteca quere desta maneira lembrar a presenza de Picasso na Coruña e como a luz da cidade, a cor do océano e as experiencias vividas formaron parte no desenvolvemento da súa faceta artística e influíron na súa personalidade.

Na rúa Real foi a súa primeira experiencia como artista e sobre eses anos versan as charlas que se desenvolverán na biblioteca esta primavera, analizando as facetas persoais, artísticas e sociais da estancia de Picasso na Coruña. Apoian isto cunha selección de documentos relacionados co pintor e un obradoiro no que os/as máis pequenos/as vivirán a experiencia de sentirse Picasso por un día.

As actividades programadas comezarán o 26 de abril, ás 19.00 horas, coa charla “Picasso na Coruña (1891-1895): a forxa do xenio”, impartida polo periodista Rubén Ventureira, especialista na figura de Picasso e escritor de artigos e libros sobre a súa figura.
“Como mirar a Picasso, un percorrido pola obra do artista e as súas influencias” será a segunda das conferencias, o 10 de maio ás 19.00 horas, con Beatriz Álvarez, que repasará a traxectoria artística de Picasso na cidade, incluíndo obras dos seus mestres que lle marcaron camiño.

O 24 de maio, ás 18.30 horas, desenvolverase o obradoiro “Xogando a ser Picasso”, impartido por Antonio Otero, que propón un achegamento da figura do pintor aos nenos e nenas entre 6 e 12 anos mediante a práctica, facendo esculturas en papel, que é unha das facetas menos coñecidas do autor.

As actividades rematarán o 31 de maio, coa charla “A Coruña de Picasso en 1895”,impartida polo historiador José Alfeirán na que falará de como era a sociedade, a política e os aspectos máis cotiáns da Coruña á que chegou a familia de Pablo Picasso.